La mirada del mendigo

30 marzo 2015

Sinopse galega

Filed under: Ecología — Nadir @ 0:04

Vai moito que non subo fotos, como tamén que non emprego o galego neste blogue. Imos rachar coa costume para presertarvos un fato de fotografías que, malia ser dun mesmo lugar, penso que fan un bo resumo do que é a Galicia de hoxe (e insisto, por extensión, do resto de Estado, pero procuro falar do que sei, da realidade que poupo a cotío).

Támega 1

Velaquí tendes o río Tâmega, preto desa liña arbitraria, imaxinaria, que separa España e Portugal partindo en dous a Galicia.

Téñovolo dito moitas veces: a Galicia sen mar, afastada das correntes de turistas e abandoada por todos, mesmo a súa xente, foi un espazo riquísimo en termos de biodiversidade, no cal se embrazan as zonas climáticas atlántica coa mediterránea, o morno clima costeiro é endurecido pola continentalidade dunha Castela que se venta tralas portelas. Daquela, aquí aínda atopamos carballos e loureiros ó carón de cerquiños, aciñeiras, sobreiras ou érbedos.

Támega 2

Pero hai que atopalos, nuns recunchos aínda non desnaturalizados. O resto desta terra está enchida de especies invasoras, piñeiros e eucaliptos, crime ecolóxico promovido polo poder e consumado polos fillos desta terra. Malos fillos, que deste xeito fanan á súa nai.

E a foto? Ben, quedou curiosa. Mais, se non lle dou un toque de Gimp, xa xurden algúns elementos que distinguen a Galicia real da imaxinaria que amosan as propagandas de viaxes. Fixádevos un pouco máis na foto. Abaixo á esquerda, iso branco…unha botella de plástico, supoño que de glifosato ou lavavaixelas, pola forma e cor. E máis á esquerda, un toco de varias pólas, máis ben troncos. Quen cortou esa árbore? Logo volo explico.

O certo é que, cando quitaba a foto, non me tiña decadado deses dous elementos, procurei escoller o encuadre para que saíse bonito o río.

Veña, imos mudar de encuadre:

Támega 3

Diferente a paisaxe, non si? Pois non me movín máis de dez pasos, entre unha e outra. E o certo é que ésta reflicte mellor o estado de conservación do río que as primeiras. O Tâmega (sí, emprego a grafía portuguesa porque ata chegar ó Douro percorre medio Portugal) nace limpo na serra central ourensana (agora algo menos coas obras do AVE) e chega limpo até as vilas de Verín e Oímbra. O pasar por elas deixa de ser río para ser unha cloaca fedorenta (se fose no vrao, estar nese mesmo sitio produciríame vascas polo cheiro). Onde foron os cartos que Europa deu para depuradoras? Ó peto de tantos corruptos como medran nesta terra.

Támega 4

Se dis algo, do estado do río, a resposta é: total, se iso vai todo para os portugueses… :/ Cando un se atopa con razoamentos desta clase, non queda máis que calar. É imposible discutir con subhumanos, animáis ou humáns levados á animalidade pola miseria e a iñorancia de xeito interesado. A unha besta podes xunguila ó tiro, un home libre non se deixa.

Támega 5

Botar entullos e todo tipo de lixo ó río é costume destas terra, tan respeitada como o Entroido (teño atopado nas beiras ordenadores, lavadoras, microondas, rodas, bicicletas, cociñas, bonecas…). Facíano os seus abós, pero daquela todos os materiáis eran orgánicos (madera, feltro, cánabo…) ou de meteorización ou degradación sinxela (ferro, arxela, lousa…). O mundo de hoxe é o reino dos plásticos, mudaron os materiáis máis non as costumes.

Non o fai todo o mundo, por suposto. Os que fan tal son o peor de cada aldea, de cada vila. Os máis iñorantes, torpes, aqueles que aínda azorran a bestialidade ó que foi reducido o galego para mellor domeñalo e servirse da súa forza de traballo. Son estas bestas as que queiman o monte para velo «limpo», son eles os que prantan eucaliptos porque dan cartos máis rápido, os que pon lazos para cazar o xabaríl ou veleno para matar ó raposo. Son esta clase de animáis bípedos, o lumpen galego, sen letras nin luz que acenda o seu maxín, vivindo nunha economía de subsistencia baseada na depredación da Natureza; no seu horizonte cultural aínda non chegou a revolución neolítica.

Mais non sería grave, parvos hai en todos os pobos do mundo. A traxedia de Galicia é que son esta caste de homínidos de ollar bóvido e intelixencia á poulo os que gobernan nas aldeas e, por extensión, na Galicia rural. Son eles os que deciden a paisaxe galega, se isto arde ou non, se eses carballos van para leña e poño eucaliptos. No outono e inverno percorren coa escopeta os seus dominios, dando morte a toda forma de vida salvaxe (para que só quede a súa enriba da terra) e, para rematar, decoran a paisaxe devastada coas cores dos seus refugallos. A Galicia de hoxe é obra deles, a súa creación destrucción.

Atila vive, é galego, e reina en Galicia.

É rei coa pasiva complicidade da Galicia urbana, sempre de costas ó agro, o cal despreza, e totalmente allea a todo o que non sexa o seu mundo de centros comerciáis e terrazas de moda.

Agora quería amosarvos outra imaxe do mesmo río, uns metros máis alá:

Támega 6

Non vedes nada estraño? Non vos parece moi despexada a ribeira? A foto está reescalada, pero axúdovos un pouco:

Támega 7

Cada sinal vermella indica un pé que foi cortado, deixando a beira núa e desprotexida fronte ás enchentes.

Unha foto da outra beira:

Támega 8

E quen fixo tal falcatruada? O delincuente ecolóxico, o depredador do medio natural é o mesmo responsable de que Galicia sexa unha sementeira de piñeiros e eucaliptos: o Estado. Neste caso, a Confederación Hidrográfica del Duero (sí, o Tâmega pertence á bacia do Douro). A Confederación dos collóns gasta cartos públicos en «limpar» as beiras, pero coidadiño coa definición do termo «limpar» no seu diccionario.

Para eles limpar é:
– desbrozar, como se a matogueira, as silvas, a fraguiza o carón do río fose basura, e non (non sei cantas veces o teño dito) parte inherente dun ecosistema. De tódolos xeitos, até o urbanita máis pailán sabe que o único que consigues cortando unhas silvas é…que medren máis. Efectivamente, dende que pasaron os «limpadores» vai un par de anos, a maraña de silvas está como cando a cortaron, ou aínda máis mesta. O «técnico» que dirixíu esa «actuación» nin tan sequera sabía iso.
– meter unha excavadora para nivelar o terreo e procurar dirixir o río (procurar, logo o río acaba rindo dos seus esforzos e atallando por donde lle peta, e máis se deixaron as beiras sen a protección das raíces).
– cortar a maioría das árbores de ribeira (amieiros, salgueiros, amendoeiras…) que teñan algún valor comercial, para complementar coa súa venda os cartos que reciben do Estado (cos beneficios, poderían facer o resto de balde).

Que non entra na súa definición de «limpeza»? Retirar os desperdicios botados ó río, latas, botellas de plástico, bolsas…que seguían ahí tras o paso das brigadas de limpeza (ás veces, troceadas polas desbrozadoras).

Poño un exemplo do traballo dunha desas cuadrillas «de limpeza»: seica atoparan unha batería de camión, e botárona ó lume que fixeran cos restos de rozar a beira (penso que lle quitei fotos, sería cousa de buscalas). Unha batería, composta de placas dun metal pesado altamente contaminante, como o chumbo, nun electrolito de ácido sulfúrico. Un dos elementos cotiás máis contaminantes, e non se lles ocorre outra cousa que queimala a un paso dunha corrente de auga. Os limpadores. Os limpadores de toda árbore aproveitable.

E a pregunta que vos facedes… Canto se leva a empresa adxudicataria por desbrozar as beiras, cortar a maioría das árbores e facer unha senda fluvial con excavadora, onde antes había un camiño de pescadores?

Támega 9

678.189€ no Concello por enmendarlle a plana ó río, abater as árbores máis valiosas, cortar e queimar todo o demáis até que este máis despexado que o paseo marítimo de «Sanjenjo» e deixalo tan porco como estaba ó principio (porque o problema son os vertidos urbáns sen depurar, máis a merda que os porcalláns dos que falaba antes lle botan).

Dito doutro xeito: gastar cartos públicos en agredir o ecosistema ripícola.

Velaquí tendes o resumo da sociedade galega (extrapolable ó resto de Estado sen mudar unha coma, pero eu falo do que vexo, do que me toca vivir), a explicación do estado no que se atopan os ecosistemas: unha masa brutal e iñorante que prea sobre a Natureza, extraíndo dela todo o que lle poda procurar algún beneficio (pastos, caza, pesca, leña, cogumelos…) sen procurar facer esa extracción compatible coa conservación do entorno. Se hai que queimar se queima, se hai que plantar eucaliptos se plantan, se algo pode contaminar a terra ou a auga non se pensa duas veces.

Como retorno, a terra e o mar, a Natureza é para eles un inmenso vertedoiro, unha escombreira onde botar o lixo. Esta costume tan propia, tan viva nas aldeas galegas, do vertedoiro á saída da aldea, unha pendente por onde guindar os reboutallos podémola seguir até as aldeas mesolíticas costeiras: concheiros a veces de metros de altura ó carón das estructuras de habitación, que eran os refugallos do seu xantar cotiá (bivalvos). O ser humano leva 14 milenios botando o lixo ás portas de casa, e hai lugares do mundo que aínda o seguen a facer, non evolucionaron.

É por este tipo de costumes (de porcallán) que se coñece unha sociedade subdesenrolada. Como a galega. Por moito que logo aparquen os Merches de segunda mao no adro da aldea. Analfabetos até a miola dos ósos.

Este zócolo social, o peor de cada aldea, é quen rexe nelas e a base social sobre a que se constrúen as maiorías políticas (Galicia profunda na que o PP acada o 80% dos votos). A burguesía, de seu menos numerosa, ó chegar a democracia representativa apoiou nos estratos máis baixos da sociedade para conformar maiorías nas cámaras, que non na sociedade. Os gobernos saídos desde enxendro político, a forza demográfica do máis baixo do eido rural dirixido por os señoritiños de cidade, adoptan o peor dos caracteres de ámbalas dúas clases sociáis (un anano malicioso subido ás costas dun xigante parvo e cego, dirixindo os seus movementos). Son os gobernos da corrupción, do furto, do nepotismo, da arbitrariedade e do crime ecolóxico. O goberno da barbarie, o reino de Atila.

Os gobernos saídos desta avinza entre os dous cabos da sociedade non son conservadores, senón reaccionarios; e procuran o beneficio dunha das partes, sen facer nada que lle moleste os pailanciños de aldea, deixándolles tranquilos na súa bestialidade. Queredes queimar Galicia de punta a punta? non tomarei medidas políticas para atallar as causas. Queredes poñer eucaliptos? Sen problema ningún, como se poñedes baobads. Queredes vivir na merda? Polas administración como se afogades nela, podedes seguir botando lixo que non caerán multas e, moito menos, virá ninguén do concello a limpala.

Pola outra banda a burguesía queda libre para explotar, roubar, e facer mil ladroízos enchendo o peto cos cartos públicos, que o paleto (moitos deles viven en vilas e cidades) non se mete en política (mais vota bipartidismo como vai comungar). Impórtalles que encheran a Mariña de cutrechalets? Impórtalles que a ría de Vigo esté contaminadas por metáis pesados (cobre, chumbo, cadmio e cinc), que o teixedal de Casaio esté ameazado polas louseiras, que as dunas de Corrubedo estean ameazadas polo ladrillo, que Galicia fose a comunidade na que menos medrara o PIB ou que tal concelleiro da Pokemon fixera negocio do seu cargo? Por suposto que non! Eles só queren seguir vivindo no seu mundo, sen números, sen letras, sen ideas complexas (sociedade, democracia, cidadanía, ecoloxía…), na bestialidade.

A burguesía das cidades decatouse que ó único que aspira esta clase de palurdos (que non son todos na aldea, nen todos son de aldea, senón os máis túzaros, buzacos e indoutos da sociedade) é que os deixen tranquilos na súa miseria. Progreso? Desenrolo? Tenlle medo, non o aturan; o que queren é sacar uns cartos aquí e alá (tratando a Natureza como aves de prea coa calaza) para seguir vivindo na única vida que coñecen, que comprenden e na que están seguros.

6 comentarios »

  1. Eu do que estou canso é de que sempre se fale dos galegos. Ti polo menos explicas que se debe a que é o que máis coñeces, pero outros que veñen de fora non fan máis que tildar ós galegos de porcos e burros con respecto ó resto.

    Eu levo feito moitos kilómetros por toda Españistán, e salvo loables excepcións (Euskadi, Asturias ata certo punto… e pouco máis) no resto vexo exactamente o mesmo. Pobos de montaña nos que, excepto os puntos máis turísticos, o resto dos arredores é un montón de escombros semiderruidos e cheos de basura, rodeados por urbanizacións. Campos extensos regados de forma continua e industrial con pesticidas. Ríos «civilizados» (é dicir, sen nada, coas súas beiras desforestadas para poder plantar un bonito paseo a carón do auga). Iso sí, non se ven eucaliptos… porque tampouco se ven árbores, excepto catro plantacións cuadriculadas. A palabra «bosque» apenas existe unha vez que saes da zona cantábrica, salvo nalgunhas zonas montañosas. ¿alguén sería capaz de beber da auga do Taxo ou do Guadiana? xa non digamos do Ebro, exemplo típido de cloaca fluvial.

    A situación de Galicia é terrible, pero o é sobre todo por comparación entre cómo estaba fai uns anos e cómo está agora. A xente do campo ten o costume de tirar as cousas ó monte, pero iso e así en Galicia e en case toda España, e é porque, como ben dis, sempre se fixo pero antes non había problema por facelo máis ben ó contrario: a mellor forma de reciclar era devolver ó monte a madeira vella), e o Estado, responsable en última instancia, non se tomou a molestia de tentar cambiar a mentalidade da xente.

    Comentarios por marcostonhin — 30 marzo 2015 @ 12:32 | Responder

    • O problema non é de ser ou non galego, o problema é ser ou non iñorante. Ser porco, por suposto, non está na cultura galega, senón na incultura de sociedades primitivas, atrasadas, que non ten interiorizado a necesidade de coidar o entorno.

      Por que falo de Galicia? Porque é onde vivo, e é o que máis me doe porque é o que máis perto teño. Oxalá fose o único lugar onde o crime ecolóxico fose norma.

      Eu pocuro facer menos kilómetros por Españistán que por Europa, pero aínda tamén coñezo bastante ben o resto. Resumindo: en Castela son case tan porcalláns como os galegos. Nas duas Castelas, e case. En Andalucía e Extremadura, que son terras que sempre van relacionadas co atraso, a cousa está (un pouco) mellor (desenrolo económico e cultural van parellos pero non exactamente sincrónicos). Eu a lo menos non atopei tanta basura por onde fun. O Mediterráneo ten outros problemas que non é o lixo, que son os lumes e a urbanización. E, dende logo, Euskadi-Nafarroa e Cantabria son un puto modelo. Especialmente o Norte de Nafarroa está moi ben coidado, ambientalmente é o mellor do Estado.

      O que sí que marca a diferenza é saír dos Pirineos. A preservación do medio vai parella o nivel cultural da sociedade. Insisto, para un alemán queimar un bosque é como darlle una lapada ó seu pai, e que nin se lle pasa pola cabeza (e, de feito, os únicos lumes son accidentáis). Incluso na Europa do Leste, máis pobre pero intelectualmente máis avanzada, quedei abraiado do estado de conservación dos bosques o do amor que lle ten a Natureza (montón de xente de andaina, sendeiros perfectamente sinalizados, mellor aínda que Alemaña que eu pensaba que era o non plus ultra).

      Outra cousa: sinto dicirche que sí que se ven eucaliptos fora da Galicia. Eu téñoos visto en Estremadura (a española), A Mancha e occidente andaluz. Ademáis de, por suposto, Asturias (sobre todo o occidente) e algo menos en Cantabria. E Portugal, bien sûr. Iso si, fora da península: nin tan sequera nun parque. Endexamáis vin un eucalipto en Europa.

      Maís. O Ebro é unha cloaca, certamente. O Tejo, ó pasar por Monfragüe, é inmundo. Totalmente dacordo. Pero son ríos cunha forte estiaxe, además de sobreexplotados (centráis, regadío) e cun longuísimo percorrido por núcleos urbáns moi importantes. Os ríos galegos, cun caudal máis constante e de percorrido máis curto, é máis sinxelo mantelos limpos. Con todo, ó Sil lle chega de carallo de enmerdado, cando chega ós Peares.

      E de que non hai bosques fora da área Cantábrica…non me fodas, home. Ti fuches por os sistemas central e ibérico? Piñeiro albar (alí sí que é autóctono) ata onde se perde a vista. A Rioxa ten máis carballos que as catro provincias galegas xuntas (mesmo o Norte de Burgos o Palencia) e Ciudad Real ou Toledo ten extensións xigantescas de devesas con aciñeiras e sobreiras.

      «A situación de Galicia é terrible, pero o é sobre todo por comparación entre cómo estaba fai uns anos e cómo está agora.» –> Por suposto! Como sabes, eu vivo en Pontemerda, pero a miña familia é do Sur de Ourense. Pontevedra, toda a provincia, está devastada polo eucalipto. É que podería desaparecer do mapa que non se perdía nada en termos ecolóxicos. Agora ben, eu imaxino como debía ser iso vai cen anos…a puta selva tropical. Extremadamente húmido, pero cunhas temperaturas máis altas que nas provincias septentrionáis…os recunchiños de bosque autóctono que quedan son iso, unha fodida selva, vida estralando en cada milímetro cadrado. Pontevedra debía ser a puta hostia, un paraíso tropical. E Ourense…como dixen, eu estou namorado desta terra. Para min ten o grao exacto de frío, calor, humidade…é perfecta! Mágoa pola xente que a habita (incultura como aquí, non a teño atopado ningures). Isto, antes de que meteran os piñeiros, debía ser unha zoa quente de biodiversidade a nivel mundial. Agora todo o mundo pensa que é a última merda, e é certo que o é. Agora. Pero isto foi unha marabilla, polo pouquiño que queda faste a idea do que foi en tempos.

      Por iso, é que iso é o terrible. Tiñamos unha terra fermosa como poucas no mundo, e mira o que fixemos con ela.

      Comentarios por Mendigo — 30 marzo 2015 @ 13:47 | Responder

  2. […] cerró algo esa brecha, acercando a Galicia a la media de riqueza. Pero volvió el gobierno de la barbarie y la ignorancia, los pijos de las villas montados sobre los más garrulos de las aldeas, y se perdió lo ganado y […]

    Pingback por Fraga hizo mucho por Galicia: empobrecerla | La mirada del mendigo — 2 abril 2015 @ 15:21 | Responder

  3. […] un par de meses presentaba el destrozo causado en el río Tâmega, además de por el vertido de basuras, por la tala indiscriminada de árboles de ribera, dejándola […]

    Pingback por Un apunte local | La mirada del mendigo — 1 junio 2015 @ 12:02 | Responder

  4. […] allá por el 2014, fue denunciado ante la Confederación Hidrográfica del Duero (los mismos que eliminan la vegetación de rivera para “limpiarla”), y rebuscando en otros asuntos acabo de tener noticia de la resolución, que incluye una dura […]

    Pingback por Multa disuasoria | La mirada del mendigo — 12 noviembre 2018 @ 11:55 | Responder

  5. […] por la Confederación Hidrográfica del Duero para “limpiar” las márgenes del Tâmega, eliminando parte de los pies los árboles de ribera, se ha extendido una plaga que está acabando con los pies restantes. Su intervención de […]

    Pingback por La otra epidemia | La mirada del mendigo — 5 marzo 2020 @ 2:03 | Responder


RSS feed for comments on this post. TrackBack URI

Deja un comentario