La mirada del mendigo

3 enero 2019

Desolación

Filed under: Ecología — Nadir @ 1:03

Como xa vos teredes decatado se saídes ó campo, este ano os carballos produciron unha cantidade fabulosa de landras. E non só os carballos e rebolos, senón as aciñeiras e sobreiras, moito maís veceras (alternantes na producción de froito).

Xa antes de marchar de viaxe andiven recollendo semente de bidueiro, unha bolsa mediada, máís dun kilo. E á volta, en landras das referidas quercíneas collín seis kilos, máis uns maínzos de semente de teixo, pradairo e tileiro. E niso estiven estas últimas semanas, adicando o meu tempo libre a plantar toda esa semente nos sitios que consideraba máis axeitados para cada especie.

Onte rematei; xa caera o sol e aínda andaba sementando as últimas landras de aciñeira na paisaxe desolada que deixou o lume nesta bisbarra. Xa retiraran os piñeiros queimados, alá que foron camiño de Portugal e da FINSA de San Cibrao para facer taboleiros de aglomerado, dos que levan as cociñas ou os mobles ruíns. Nas abas desprotexidas formáronse regueiros que lamberon a terra, deixando a rocha núa. Toda a tarde pisando cinza e carbón foron minando a miña entereza, e nese estado de ánimo estaba cando un pequeno paxaro foi pousar moi perto de min. Fiquei inmóvil e achegouse aínda máis, a unha distancia como o pao do meu sacho, e estivo peteirando os graos que debía ter unha das poucas plantas que saíran tralo incendio. Alí estabamos nolos dous, sós nese campo de negra morte, estranos e fora de lugar como un astronauta camiñando por Samil. Emocioneime. Fagoo por ti, lle dixen, sen mover os beizos. El seguíu picando, e non parecía que a miña compaña lle incomodase.

Non podo máis.

Eu non dou feito máis.

Poñamos que coa miña labor terei sementado, aquí e alá, cousa de unha hectárea en total. Só nese lume arderon 1.360 ha. Eu só non dou feito. E estou só, asoballadoramente só.

Escribín, por segundo ano, á delegación de ADEGA en Monterrei, a única asociación ecoloxista presente no Sudeste ourensán, para propoñer saídas para apañar semente e ila sementar. Por segundo ano, non merecín nin resposta. Moito menos merecen eles.

Non é que precise compaña, eu estou ben só no monte e para levar a miña bolsa de landras e o meu sacho non preciso de ninguén. Pero cómpre facer unha labor coordinada para recuperar os montes. Coordinada, subordinada ou como for, pero cómpre facelo. Pero ninguén quere dobrar o lombo ou que lle vexan co sacho (poderosísimo símbolo da Galiza labrega, antes collerían un cartucho de dinamita aceso), e a mín xa me doen os cadrís e morro de carraxe porque non adianto nada.

Eu só non podo arrincar todos os eucaliptos que prantan, e máis aqueles que medran das sementes dos maduros, aínda que hai un catedrático da enxeñería de montes en Madriz que di que non ten risco de naturalización. Lémbrame a anécdota dun grupo de enxeñeiros aeronáuticos soviéticos fixeron cálculos e concluiron que un abesouro non podía voar. E o iñorante abesouro voando dun lado para o outro dende vai milleiros de anos.

Eu só non podo máis que arrincar algunha mimosa que sae de semente, pero non podo enfrontarme coas maos núas (cunha machada, nin sequera teño motoserra) a unha masa delas colonizando coas súas raíces maís e máis terreo a velocidade arrepiante.

Eu só non podo sementar máis que unha mínima superficie do que arde cada ano só nestes concellos da raia seca.

Só un dato. Hai un foro de xente interesada na recuperación das masas forestáis orixináis: Repoblación autóctona. ¿actividades na Galiza? Cero. Non hai interese na rexeneración ecolóxica galega, só en sacarlle á terra algúns billetes máis para emborracharse no vindeiro entroido. Que mal faría esta terra para ter tan malos fillos, que o mellor que pode esperar deles é a indiferenza.

De feito, a solución non é que un grupo de boas xentes adique un Sábado a sementar un monte queimado. Así non se adianta nada, unhas poucas hestáreas. É unha parvada que eu vaia polo monte co sacho; o que tería é que estar facendo o que mellor sei, gañando diñeiro e producindo riqueza para logo pagar uns impostos e, con eles, que o Estado comprase maquinaria para facer a repoboación de terreos degradados dun xeito mecanizado e sistemático. Adicando a que xa hai (non hai concello que non teña un tractor cun brazo para rozar as caldeiras) para machacar as perigosísimas acacias, e logo durante anos aplicar fitocidas nos rebrotes para rematar coas raíces. Finalmente, e dunha vez por todas, pasar no parlamento galego unha lei que faga responsable a cada propietario (colectivo ou persoal) da eliminación das especies vexetáis alóctonas atopadas en parcelas forestáis da súa propiedade. Como dixen vai xa un tempo: o futuro pasa necesariamente por unha lei así. Ou non haberá futuro para os ecosistemas galegos.

No canto ós grupos ecoloxistas e moi en particular a ADEGA, só interesados en que pagues a cuota, xa lles poden dar moito polo cú. Mentres eu andaba baixando o cerrizo apañando landras, os merdáns ecoloxistas estarían gabándose do moi comprometidos co “medio ambiente” que son (catchword dos babecos, unha redundancia porque medio e ambiente son sinónimos) nalgunha terraza da vila. Moita verba e pouca angueira, leña verde. A natureza como un concepto abstracto, e non como ecosistemas concretos con problemas concretos os cales dar unha solución concreta (lumes, eucaliptos, acacias, estas son as prioridades na Galiza a moita distancia da cuarta). O planeta está ameazado, todos debemos sentirnos culpables pola nosa vida moderna, por afastarnos da natureza e comer da árbore do coñecemento. Choremos polo planeta e reciclemos o puto vaso do yogur, un pequeno xesto (¡¡¡POSTMODERNISMO!!!) para salvalo. Cago na cona bendita…

Outro exemplo máis do postureo polo que devece esta progresía de merda a cal abomino.

+
+
+
+
+
+
+
+
+
+
+
+
+
+

A %d blogueros les gusta esto: